jueves, 25 de abril de 2013

DÍA DO LIBRO: A CASA DA MOSCA CHOSCA

Hai uns días celebramos o día do libro. É a primeira vez en moitos anos que non o celebro rodeada de nenos... pero este ano celebreino co meu pequeno.

Na casa vivimos rodeados de libros e contos, e temos o noso contacontos particular, así que cada día lemos moitas historias. Aínda que é moi pequeno, só ten 6 meses, escoita con moita atención e cada día quédase máis pasmado con eses ollazos que non perden nin un detalle.


A pesar de ser tan pequeniño, podemos dicir que ten un conto que lle chama especialmente a atención, supoño que polas ilustracións cheas de expresividade, con cores "explosivas, case fluorescentes": "A casa da mosca chosca", un libro moi divertido escrito con rimas.




É un libro de kalandraka (Os contos do trasno) que ademais está editado en castelán (La casa de la mosca Fosca), en italiano (La casa della mosca Fosca), en portugués (A casa da mosca Fosca) e en inglés (The shy fly´s house).

A mosca Chosca está xa cansa de dar voltas polo mundo así que decide construír a súa propia casa...e quédalle tan bonita que decide facer unha festa de inauguración. Prepara un delicioso pastel de amoras e o olor vai chegando a todos os animais que pasan preto da súa casa, que non poden resistirse a entrar. Ela invita a todos a sentarse pero non conseguen comer o pastel porque sempre chega alguén máis, ata que non queda sitio na mesa pero entón... bueno mellor non vos conto o final que para os nenos é inesperado e divertido.

“A casa da mosca chosca” é unha adaptación realizada por Eva Mejuto a partir dun conto popular ruso recuperado por Alexander Afanásiev. Os seus protagonistas introducen aos lectores nun xogo de números e tamaños, rimas, repeticións e ritmos, que son elementos propios da tradición oral. Trátase dun conto acumulativo que presenta unha galería de personaxes que invitan ao xogo fonético. Os divertidos e expresivos animais están creados polo ilustrador Sergio Mora

Está recomendado para nenos de 5 anos en diante, aínda que se pode traballar con nenos mais pequenos, cos de 5 anos ou de primeiro pódeselle sacar moito partido pola dinámica acumulativa do conto, ademais axudaranos a traballar os números ordinais, porque vai ordenando os animais segundo van chegando, e é xenial para traballar operacións matemáticas e facer xogos de cálculo mental cos máis pequenos (cantas cadeiras quedarán libres? cantos animais máis poderán sentarse?) e tamén os números cardinais porque cada vez que chega un animal, se recontan os que chegaron máis a anfitriona.

Podemos sacarlle partido en moitas áreas, ademais de xogar en matemáticas con números e tamaños, podemos xogar en lingua con rimas (memorizar, inventar) e repeticións, en coñecemento traballar os animais do bosque e en plástica traballar con ilustracións de cores rechamantes e formas orixinais.

Noutros blogues atopamos mais ideas para traballar o conto. Dende un cole de Aguiño a profe Tere comparte este lim do conto A Casa da Mosca Chosca.
No blogue dun centro infantil de Mérida, ou nun de Ribadesella, vemos como fixeron uns sinxelos títeres para contar a historia.


Tamén sería xenial un obradoiro de cociña para facer un rico pastel de amoras!! =)


Déixovos cunha mostra desta fantástica historia

2 comentarios:

  1. Noraboa Ana polo traballo que estás levando a cabo. Que presentación tan interesante e que foto de cabeceira más bonita e orixinal. A seguir así! Parabéns!

    ResponderEliminar
  2. Me encanta la foto del bebé con los cuentos, es estupendo ver a los niños rodeados de historias.

    ResponderEliminar