martes, 2 de abril de 2013

DÍA DO LIBRO INFANTIL

Ilustración de Poly Bernatene

O 2 de abril de 1805 naceu escritor danés Hans Christian Andersen, escritor de contos como: O traxe novo do emperador, A sirenita, O patiño feo, As zapatillas vermellas, O soldadiño de chumbo...
Cada ano, coincidindo coa data do seu nacemento, celébrase o día do libro infantil.

Hoxe tamén se celebra o día Mundial de Concienciación sobre o Autismo.

Pero hai outra celebración neste día, e é que a editorial Kalandraka cumpre anos... e xa van 15 gozando dos xeniais libros desta editorial Pontevedresa que xa recibiu moitos premios,  o último, o premio nacional á mellor labor editorial. 

Pensando nestas tres celebracións veu á miña cabeza unha colección de libros: Makakiños, creada por Kalandraka en colaboración coa Asociación Baión de Tratamento do Autismo (BATA).

www.kalandraka.com/ga/coleccions/nome-coleccion/ir/makakinos/

Esta colección está pensada para achegar a lectura a persoas con necesidades educativas especiais en resposta á demanda de material de apoio para facilitar a lectura a nenos con discapacidades intelectuais.

Os destinatarios destes libros son persoas con necesidades de apoio: nenos con parálise cerebral, trastornos de desenvolvemento (autismo) ou de comunicación (disfasia). A lectura apóiase -ademais do texto e a ilustración- nun sistema de pictogramas SPC (Símbolos Pictográficos de Comunicación), baseado en debuxos e cores, creado en Estados Unidos por Roxanna Mayer-Johnson: os pictogramas referidos a substantivos enmárcanse en cor laranxa, os verbos en verde, os adxectivos en azul, os pronomes en amarelo...

"O patiño feo"

Makakiños é o primeiro proxecto editorial en utilizar este sistema. O texto adaptouse para unha lectura máis doada, reducindo as palabras con carga simbólica, as metáforas e, en definitiva, restando abstracción á linguaxe. As ilustracións tamén se realizaron buscando a máxima concreción e a mellor comprensión da linguaxe plástica. Por estes motivos, os libros de Makakiños son un material de apoio que se pode utilizar mesmo en centros de Educación Infantil, para un primeiro achegamento aos libros por parte dos pre-lectores, facilitando o seu acceso ao mundo da lectura. 

Adaptación de "O coelliño branco"

Desexo que sigan xurdindo iniciativas como esta que acheguen a lectura a todos os nenos, rompendo as barreiras comunicativas, proporcionándolles unha maior autonomía persoal e estimulando a súa imaxinación, e que nos permita velos gozando da lectura, como Gloria con “La ratita presumida”

1 comentario:

  1. Interesante ese material de kalandraka, non o coñecía.

    ResponderEliminar