miércoles, 13 de marzo de 2013

O PIRATA PATA DE LATA


O último libro de Oli que eliximos foi: “O Pirata Pata de Lata” de Kalandraka, ilustrado por Ramón Trigo. Despois de ler a historia deste pirata soñador que percorre os mares buscando tesouros e inimigos cos que loitar, puxémonos a traballar. Decidimos montar un teatro de sombras chinesas para compartir na semana cultural do cole e sobre todo para regalarlle a Oli una representación do seu conto. 

Primeiro vimos como funciona un teatro de sombras. Levei diferentes sombras para que as probasen, xogamos con elas, fixemos sombras co corpo...
Despois eliximos as escenas mais importantes co fin de montar o teatro. Os nenos fixeron varios debuxos e seleccionamos os mellores, procurando que todos participasen nalgún. No mural puxemos os debuxos feitos e coloreados por eles.

Despois fixen fotocopias ampliadas en A3 e eles calcaron os debuxos en plásticos transparentes (os que se usan para encuadernar). Individualmente ou en parellas foron traballando na elaboración do que serían as sombras: calcando e coloreando os debuxos. 

Para contar a historia, repartimos o texto e cada un dicía una frase. Así quedaron as sombras (sinto que as fotos non sexan mellores)

Ademais escribimos una canción sobre a historia que tamén cantamos despois da representación.

Foi xenial facelo para todo o cole, porque moitos nunca viran sombras chinesas e gustoulles un montón, pero sobre todo foi moi motivador facer un pase privado para Oli, que os felicitou moito pola súa actuación. 

ARTUR

Artur é o título deste conto escrito por Oli e ilustrado por Marc Taeger.
Este pequeno libro conta os pensamentos e inquietudes dun poliño que está dentro do ovo  e sae por primeira vez fora.

En palabras de Oli, este conto fala sobre “a fraxilidade dos primeiros pasos na vida e o encontro cun mundo inesperado”.

Todos os nenos debuxaron a Artur e no mural montamos un pequeno xogo onde había que localizar o auténtico Artur (que fixemos calcando un debuxo) entre os seus debuxos. Cada vez que un profe ou alguén pasaba pola aula pedíanlle que o buscase, pero o mais divertido foi cando o fixo Oli. 


Un pracer que o propio Oli nos contase a historia de Artur. Foi emocionante e xenial ver as caras dos nenos, con pena e preocupación vendo a Artur so e asustado e a alegría de ver un final feliz.

Gracias de novo pola súa inesquecible visita.


Esperamos que desfrutedes con este video do pitu Artur.

LEOCADIO O LEÓN


Un dos libros de Oli cos que traballamos foi “Leocadio, o león” (Editorial Merlín - Xerais), ilustrado por Teresa Novoa.
Leocadio é un león fora do común, un león de cine o que lle gusta mais una cámara que unha cacería porque non fai o que os demais leóns.
Este libro non é un conto, e era a primeira vez que os nenos tiñan que ler un libro tan longo. Non sabía que tal resultaría porque moitos acababan de arrancar coa lectura, pero o resultado foi gratamente sorprendente. Cada día lían un pouco na casa e despois liamos ese fragmento entre todos.

É un libro moi asequible e fácil de ler para os nenos, ademais de ser interesante e telos enganchados, cuns momentos emocionantes e outros divertidos que mantiveron a súa atención ata o final. A queixa foi que se acababa.

Para o mural que estábamos montando na aula para Oli, cada un escribiu o que mais lle gustou do conto e fixemos entre todos un debuxo de Leocadio na selva.


Todos quedaron moi felices coas felicitacións de Oli despois de ler o que escribiron sobre Leocadio, e sobre todo, levando cada un o seu exemplar do libro firmado polo escritor o cal lles fixo moita ilusión. 

martes, 12 de marzo de 2013

XOSÉ MANUEL GONZÁLEZ: OLI

Durante o curso 2011/2012, levei a titoría de 1º de primaria no CEIP da Laxe en Marín. Durante meses fixemos un traballo especial sobre Xosé Manuel González, coñecido como Oli, o escritor que daba nome a nosa aula.

Gustaríame compartir con vós os libros que traballamos e o que fixemos ao redor deles.


Durante meses investigamos sobre este escritor galego e vimos os libros que escribiu, pero centrámonos en tres. Limos estes libros e preparamos un mural e moitas actividades especiais que presentamos no cole o día das letras galegas, e que fixemos para o propio Oli nunha visita que fixo a nosa aula.


Foi moi motivador para os nenos ler as historias de Oli e preparar cousas especiais para a súa visita. Gracias a Oli por compartir esa mañá con nós, foi xenial escoitalo contar contos, e enterarnos de cousas curiosas e pequenos segredos das súas historias.

Este foi o mural que montamos para recompilar o traballo feito ao redor dos libros de Oli. 

lunes, 11 de marzo de 2013

EL PEQUEÑO TEATRO DE REBECCA

Dende que fai uns meses a miña amiga Sarai me falou deste libro, que xa o vira nunha feira antes de que saíse a venta, non me chegaba o momento de telo nas miñas mans, e gracias o meu principal "suministrador de contos" =) xa fai uns meses que ocupa un lugar especial na nosa biblioteca.


"El pequeño teatro de Rebecca" (Le petit théatrê de Rebecca) é case unha peza de coleccionista para os que admiramos o traballo de Rebecca Dautremer.



As ilustracións, como sempre espectaculares, están troqueladas e cheas de detalles que fan que te perdas en cada unha das súas páxinas.



Ela mesma debúxase na portada movendo os fíos dalgúns dos seus personaxes. Son case cen os que aparecen no escenario deste pequeno teatro: Pulgarcito, Cyrano, Alicia, Babayaga, Elvis, moitas Princesas esquecidas ou descoñecidas, uns namorados... moitos dos personaxes que xa coñeciamos, reúnense nun só libro onde descubriremos os seus inesperados encontros.



Pasen e vexan este impresionante teatro!. 
Unha verdadeira obra de arte da editorial Edelvives.

viernes, 8 de marzo de 2013

COMEZA A NOSA VIAXE

Este blogue non pretende falar de todos os contos do mundo... porque afortunadamente hai tantos que sería imposible, nin pretende falar dos mellores, porque tamén afortunadamente, os gustos de cada un son diferentes. 
Modestamente achegarémonos a algúns libros con valor didáctico, plantexando algunhas ideas das infinitas que se poden levar a cabo cos nenos na aula, por iso veremos vídeos, fotos, actividades e todo o que nos anime a achegarnos aos libros.
Tamén coñeceremos contacontos, titiriteiros... e todas esas persoas que fan que vivamos aínda mais as historias, presentaremos actividades especiais onde poder achegarnos aos contos e coñeceremos escritores e ilustradores que nos deixan coa boca aberta. 
E algunha vez tamén veremos contos para os maiores, contos que nos farán pasar momentos inolvidables, con historias fabulosas que nos farán pensar e ilustracións incribles que porán a nosa imaxinación a funcionar. 

Non podemos arrancar esta viaxe sen presentar uns artistas que nos permitiron usar duas fabulosas ilustracións para o noso blogue. 

A foto de perfil foi feita por Leandro Lamas, un pintor que nos encanta, e que ilustrou varios contos: Poemas en piruleta, Mamá ti si que me entendes, Eu tamén son fonte, Sopra neste furadiño, O conto do apalpador, Contín contón e a ultima novidade: ilustracións no libreto de A nena e o grilo. Podedes ver o seu blogue pinchando no nome. 

Na foto de cabeceira vemos a Catalina, a nena protagonista dun conto aínda sen publicar. É unha ilustración de Raquel Díaz Reguera, premio Tombatossals de álbum ilustrado 2011, escritora e ilustradora de varios albumes ilustrados (Catálogo de besos, ¿Hay algo más aburrido que ser una princesa rosa?, Un amor tan grande, Un beso antes de desayunar, etc...). Podedes ver o seu blogue pinchando no nome. 

Gracias aos dous por prestarnos estas imaxes.

Arrancamos?... imos a contar contos!!!